Entre as actividades que leva a cabo o Centro é de suliñar a celebración dende o ano 1994 da “Festa do Polbo” que é moi coñecida na cidade de Nürnberg e á que acuden milleiros de visitantes. Aínda que esta festa é a actividade máis coñecida do Centro, tamén se está a converter en tradición celebrar a “Festa do Cocido”.
Tamén importantes son as actividades formativas que a continuación se indican, así como outras lúdicas e representativas:

  • Cursos de danza, música e confección de traxes tradicionais
  • Cursos de lingua galega
  • Cursos de internet
  • Cursos de cociña
  • Cursos de formación
  • Conferencias socio-culturais
  • Excursións por toda Europa

A súa banda de gaitas “Banda de Gaitas da Diáspora” grabou o seu primeiro CD en agosto de 1996 na Radio Galega. Entre as actuacións destaca a que levou a cabo no Campionato Internacional de Gaitas de Glasgow onde tocaron fóra de concurso e obtiveron un grande éxito.

No ano 2004 viñeron a Galicia e actuaron no programa da Televisión Galega ”Luar”

O grupo de danzas “Xestas Verdes” foi fundado no ano 1994 e ó longo da súa curta andaina xa actuou en numerosos festivais en Holanda, Suiza, Austria, Escocia, Italia, Francia, República Checa, etc. e tamén en Galicia; no ano 2004 fixeron unha xira pasando pola Deputación de Ourense, Beariz, Carballiño, Santiago de Compostela, etc e remataron esta xira cunha actuación no programa da TVG “Luar”
Gañaron varias veces os primeiros premios de folclore internacional. Tamén participaron no Festival Internacional de Folclore Galego, celebrado o 13 de agosto dentro dos actos do IV Día da Galicia Exterior.